"Só gaña a liberdade quen a reconquista todos os días"
Goethe

29/4/13

O desastre económico actual era predicible

Vicenç Navarro, 26 de abril de 2013

Este artigo sinala que a crise tan profunda da economía española, co desemprego maior que existise ata agora, era doadamente predicible, como alertamos algúns autores xa dende o inicio da crise. As políticas neoliberais con recortes do gasto público, incluíndo o social, e diminución dos salarios, están a crear un problema enorme de falta de demanda doméstica, que non pode resolverse a base de maior endebedamento, resultado da carencia de crédito, este último consecuencia, á súa vez, da enorme concentración das rendas de capital e o seu excesivo crecemento a base de investimentos especulativos.

Uns poucos estivemos a dicir dende que se iniciou a crise que as políticas públicas que se están a aplicar durante estes anos de recesión son profundamente erróneas e están a levar aos países da Unión Europea (e moi en especial aos países da periferia da Eurozona) ao desastre. Como era predicible, os feitos que están a acontecer, co maior incremento do desemprego coñecido ata agora, están a mostrar que, por desgracia, levabamos razón.

En realidade, o problema co que nos enfrontamos é doado de entender e de resolver. Hoxe o sector privado da economía está paralizado ou en declive debido á falta de demanda e á escaseza de crédito para que as empresas e as familias poidan investir e/ou consumir. A evidencia diso é clara, robusta e abafadora. Ante esta situación, o único sector que pode estimular e facer crecer de novo á economía é o sector público. Así se saíu da Gran Depresión a principios do século XX en EUA e en Europa. En EUA, a Administración Roosevelt aumentou o investimento e o gasto público dun xeito moi notable, acentuándose mesmo máis co inicio e posterior desenvolvemento da II Guerra Mundial. En Europa foi este mesmo conflito o que creou un grande aumento do gasto e investimento públicos, que resolveu o problema da Gran Depresión.


Algo parecido aconteceu despois da II Guerra Mundial cando se creou unha Gran Recesión que foi resolta mediante un grande investimento e crecemento do gasto público, estimulados polo Plan Marshall. E agora, cando estamos xa en Recesión, camiño da Depresión, en lugar de aumentar o investimento e o gasto público, os gobernos dos países da Unión Europea, e moi en particular os periféricos da Eurozona (incluíndo España), que teñen maiores dificultades, están a recortar o gasto público, o cal é unha enorme estupidez (e non hai outro xeito de definilo).

Esta estupidez estase a xustificar co argumento de que a crise a xerou o excesivo gasto público, particularmente o gasto público social (que ten proveído unha supostamente excesiva protección social), e uns salarios demasiado altos que fixeron aos traballadores pouco competitivos. De aí que as solucións que se derivan desta explicación consistan en recortar o gasto público, e moi en particular o gasto público social, e baixar os salarios co fin de facer a economía máis competitiva. É esta maior competitividade, con aumento das exportacións, a que -dísenos- nos sacará da recesión. E como mostra do éxito destas políticas públicas sinálase a diminución, cando non eliminación, do nesgo negativo do noso comercio exterior. En todos os países que se están a aplicar estas políticas, os datos que se utilizan mostran que a balanza comercial se está a equilibrar: é dicir, as importacións e as exportacións están a igualarse.

Pero tal argumento está apoiado nun suposto falso. O equilibrio entre importacións e exportacións débese primordialmente ao descenso espectacular das importacións, en lugar dun grande aumento das exportacións, e iso como consecuencia do colapso da demanda interior. O recente informe da OCDE, March Interim Assessment on the Global Economic Outlook, mostra os datos que avalan o que estou a dicir. Ronald Janssen, no seu excelente artigo "More Austerian Fairly Tales" en Social Europe Journal (abril 2013), fai un resumo dos datos do informe mostrando os datos para Alemaña, Portugal, Irlanda, Grecia, España e Italia. A evidencia é, de novo, clara, robusta e abafadora. Pero tal evidencia continua sendo ignorada polos "austerianos" (economistas favorables ás políticas de austeridade), cuxo dogma neoliberal é impermeable aos feitos e aos datos. As súas crenzas, baseadas na fe e non na evidencia científica, alcanzan niveis nunca antes vistos. España xa supera os 6 millóns de parados e o seu goberno continúa coas súas políticas de recortes de gasto público, incluíndo gasto público social. O fundamentalismo de tipo relixioso que alimenta as crenzas neoliberais non é educable.

En realidade, o desemprego está a crecer dun xeito moi marcado en toda a Unión Europea, alcanzando unha situación extrema en España e Grecia (que son os países que están a recortar máis). Pero a situación é mesmo peor que a que aparece nos datos de desemprego e se ve reflectida na cifra de poboación empregada, que foi diminuíndo en todos os países, caendo en picado en España e en Grecia, mostrando a ineficacia das reformas laborais que se promovían co argumento de que crearían emprego. En realidade, e tal como algúns predixemos, estas reformas estiveron a destruír emprego. A evidencia diso é tamén clara, robusta e abafadora.

Por que a austeridade?

O lector preguntarase: se a evidencia de que estas políticas públicas son prexudiciais é tan clara, robusta e abafadora, por que continúan levándose a cabo? A resposta é tamén doada, aínda que o lector raramente a lerá nos medios de maior difusión, excesivamente influenciados polos establishments financeiros e das grandes empresas exportadoras (o que adoitaba chamarse a clase capitalista ou tamén a burguesía financeira e das grandes empresas e que en EUA se chama a Corporate Class). A resposta é que tales establishments, que exercen unha enorme influencia sobre os Estados, están a conseguir o que sempre desexaron: o debilitamento do mundo do traballo co fin de aumentar as súas rendas. E isto é o que máis lles importa. En todos estes países, as rendas do capital están a aumentar a custa dun descenso moi notable das rendas do traballo. A evidencia é, de novo, tamén clara, robusta e abafadora. E isto aconteceu mesmo con maior intensidade nos países periféricos da Eurozona, incluída España.

En realidade, este debilitamento do mundo do traballo chegou a tal nivel que estes establishments se encontran suficientemente fortes para atreverse a desmantelar o Estado do Benestar (co argumento, como dixo Draghi, o Presidente do Banco Central Europeo, de que "non" é sostible"), incluíndo as pensións públicas (a xoia da coroa). E veremos agora como o goberno de Rajoy tomará toda unha serie de medidas para desmantelar tamén a Seguridade Social, privatizando as pensións e transformando o Estado universalista do Benestar nun estado asistencial para os sectores máis necesitados da poboación, referidos na narrativa dominante como "clases baixas" ou "humildes". Este é o seu proxecto (ver o libro que Juan Torres e eu acabamos de escribir, Lo que debes saber para que no te roben la pensión).

Hai alternativas, aínda que se nos di constantemente nos medios de maior difusión que non as hai

É doado ver que hai alternativas. Que non exista plena conciencia a nivel popular de que estas alternativas existen débese á falta de diversidade dos medios de maior difusión. O argumento utilizado polos establishments financeiros de que non hai alternativas, ou de que as esquerdas se queixan pero non ofrecen alternativas, non se corresponde coa realidade. É certo que amplos sectores das esquerdas gobernantes (pertencentes á Terceira Vía) aceptaron o dogma neoliberal. Pero hai esquerdas que si fixeron propostas de políticas públicas cribles e factibles, que continúan silenciadas, cando non vetadas, nos medios. En realidade, as solucións son doadas de ver. A grandes trazos, consisten en reverter as políticas de austeridade para estimular a economía e o crecemento económico, financiándoo con reformas fiscais de carácter progresivo, dando maior capacidade de intervención ao sector público, coa provisión pública de crédito, a base de medidas explicadas con maior detalle, entre outros lugares, en "Ganas de Escribir", de Juan Torres, ou no meu blog www.vnavarro.org, na sección de Economía Política. Estas medidas poderían e deberían tomarse mesmo sen saír do euro, aínda cando eu non descarto esta posibilidade, pois a peor alternativa, entre todas as existentes, é a de continuar coas políticas que o goberno está a aplicar. Esta alternativa é a peor. Así de claro.

No hay comentarios: