"Só gaña a liberdade quen a reconquista todos os días"
Goethe

23/4/13

Por que a xente non reacciona? A indefensión inducida

A Indefensión Aprendida, adquirida ou inducida, termo acuñado polo profesor Martin Seligman, é unha condición psicolóxica na que un suxeito aprende a crer que está indefenso, que non ten ningún control sobre a situación na que se encontra e que calquera cousa que faga é inútil.

Os efectos da indefensión serán maiores se un tende a pensar que a non continxencia é debida a factores estables ou de carácter global, mentres que os efectos serán menores ou transitorios se un tende a atribuír o fenómeno a factores inestables ou de carácter máis específico. Ou sexa, se lle atribuímos á crise global a culpa da nosa situación e se alleamos de nós a posibilidade de elección da resposta, quedamos indefensos ante os poderes fácticos, aos cales nos renderemos sen exercer ningunha resposta. Iso explicaría, por exemplo, o por que os prisioneiros dos campos de concentración non se rebelaron contra os nazis.

Moitos de nós vemos con claridade quen son os responsables directos da crise e somos capaces de sinalalos e actuar contra eles. Preguntámonos por que tanta xente se resigna, aínda, nas súas casas, en lugar de saír a encher as rúas. Porque, certamente, non deixamos de escoitar as mesmas frases, as mesmas mensaxes, que se repiten como mantras sen sentido: vivimos por enriba das nosas posibilidades, non podemos facer nada, eles sempre gañan, todo está perdido, que podemos facer nós sós contra o sistema? Frases que reflicten un incomprensible conformismo. Pero, que se o analizamos dende o prisma de que estamos baixo unha hipnose colectiva, baixo a indefensión inducida, cobra máis sentido.

A indefensión provoca unha actitude pasiva da que se aproveita o Sistema, para dominar calquera impulso de reacción que a Cidadanía puidese ter fronte a unha xestión abusiva dende o Poder.


No hay comentarios: