"Só gaña a liberdade quen a reconquista todos os días"
Goethe
Mostrando entradas con la etiqueta crise. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta crise. Mostrar todas las entradas

8/11/13

Débeda, austeridade e devastación: chegou a quenda de Europa - Susan George

Ao igual que a peste no século XIV, o azoute da débeda foi migrando paulatinamente do Sur ao Norte. A Yersinia pestis do século XXI non se propaga a través das ratas infestadas de pulgas, senón do letal fundamentalismo neoliberal, infestado de ideoloxía. Antes, os seus adaís tiñan nomes como Thatcher ou Reagan; agora soan máis ben a Merkel ou Barroso. Pero a mensaxe, a mentalidade e a medicina prescrita son basicamente os mesmos. A devastación provocada por ambas as dúas pragas tamén é similar. Sen dúbida, rexístranse menos mortes relacionadas coa débeda en Europa hoxe en día que en África hai tres décadas, pero seguramente estase a causar un dano máis permanente ao que no seu día foron as prósperas economías europeas...

...Economistas laureados e de renome como Paul Krugman ou Joseph Stiglitz opinan que os líderes europeos sofren de encefalograma plano, mostran unha total ignorancia en materia de economía e están abocados a un innecesario suicidio económico...

...Son unha fervente europea e desexo que Europa prospere, pero isto non é Europa. En contra da nosa vontade, arrastróusenos a unha guerra de clases. A única resposta que lle queda á cidadanía está no coñecemento e a unidade. O que impuxo o 1 por cento pode ser revogado polo 99 por cento. Pero máis vale que nos deamos présa: o tempo estase a esgotar.

20/7/13

Fuera de lugar de Amador Fernández-Savater

O chan ábrese baixo os nosos pés. O que criamos sólido e garantido desintégrase. Chamámolo crise, pero a palabra non alcanza. É un cambio na totalidade das regras de xogo. Adoitamos pensar as crises como procesos fundamentalmente negativos, que padecemos como vítimas e dos que hai que saír canto antes para regresar á normalidade. Pero as crises, as catástrofes, as rupturas, os colapsos de sentido ou como queiramos chamar aos momentos de derruba, son tamén as condicións de posibilidade para unha renovación subxectiva, existencial, vital, sexa en contextos macro ou micro.

Hoxe case poderiamos afirmar que a realidade en crise nos forza a pensar-crear. Por todas as partes ábrense preguntas inéditas, preguntas que nos poñen en movemento. Unha constelación de experiencias ensaia outros modos de producir, decidir e convivir, reinventando a política como participación común nos asuntos comúns.

Pero as palabras que temos para dicirnos e nomearnos fállannos. Os mapas que herdamos non orientan xa a nosa lectura do mundo. As imaxes dispoñibles non significan o que (nos) pasa.

Sen partido, organización nin dogma, hoxe pensamos a vida entre amigos. E amigo é todo aquel co que se pode pensar a vida. Quizais non exista un gran relato, pero hai mil voces. E non son voces privadas, senón que entretecen unha conversación incesante nas rúas e as redes, poñendo en circulación reflexións, imaxes, nocións, historias.

Este libro ofrece un ramallete de voces para pensar en compañía o mundo que habitamos. Entre crise e transformación.

Conversacións con: Franco Berardi (Bifo), Peter Pál Pelbart, Etienne Balibar, Thomas Frank, Franco Ingrassia, Ramón Fernández Durán, Jesús Palacios, Guillem Martínez, Emmánuel Lizcano, Frederic Neyrat, Guillermo Rendueles, María Naredo, Santiago López Petit, Concha Fernández Martorell, Cristina Sánchez Carretero, Antonio Lafuente, Amparo Lasén, Michel Bauwens, Margarita Padilla, Luis Navarro, Georges Didi-Huberman, Jacques Rancière, Leónidas Martín Saura, Reinaldo Laddaga, Wu Ming 4, Jo Berry e Pat Magee, Juan Gutiérrez, Ali Abu Awwad, Aaron Barnea, Terry Rockefeller.


España está secuestrada

Publicado por Juan Torres López en Público.es o 19 de xullo de 2013

Supoño que a mellor expresión da liberdade dun país é a que efectivamente teñen os seus cidadáns. E, dende ese punto de vista, creo que se pode dicir que España non é libre. Polo menos, dende maio de 2010, cando José Luis Rodríguez Zapatero cambiou de política e puxo a España á orde dos capitais financeiros e dos seus representantes políticos mundiais.

Dende entón, os españois non gozamos de liberdade. Puidemos votar sen coaccións, ben é certo (aínda que sen entrar na natureza da lei electoral, do desigual acceso aos medios ou ao financiamento, ou nos privilexios dos distintos partidos en contenda polo voto), pero tamén o é que non podemos evitar que os nosos representantes elixidos tomen decisións manifesta e materialmente contrarias aos programas que votamos, ou que fagan o que se comprometeron a non facer cando nos pediron o voto. Cambiaron a Constitución sen consultarnos e aplican políticas opostas ás que constan nos seus programas electorais sen que teñamos xeito de impedilo.

O propio presidente Rajoy recoñeceu no Parlamento que nin el nin os españois somos libres, e a práctica totalidade dos demais deputados e deputadas asumiuno sen chiar, sen reaccionar e sen que lles caese a cara de vergoña por aceptar en silencio unha auténtica condición de simples mariachis.
Os españois non somos libres para decidir a política económica que queremos que siga o goberno, nin para establecer en beneficio de quen debe tomar as súas decisións.

7/5/13

Decálogo para saír da crise

Por José María Mella, catedrático da Universidade Autónoma de Madrid

Desta crise pódese saír. É necesario claridade de ideas. A continuación propoño algunhas, baseadas nas formulacións de Krugman, do que recomendo a lectura do seu último libro (¡Acabad ya con esta crisis!).

Primeira: "O que falla é a demanda". Os consumidores non consumen, os empresarios non invisten e os exportadores non exportan o suficiente.

Segunda: "O teu gasto é o meu ingreso e o meu ingreso é o teu gasto". Isto é obvio para todos, menos para os que nos mandan. Se os individuos nos apertamos todos os cintos e tamén o fai o goberno, quen compra a produción?

Terceira: "Gastar menos pódeo facer un individuo ou unha familia, pero non toda a sociedade". Todos os países europeos compran menos do que poden producir: isto pódeo facer un individuo; se o fai toda a sociedade: o resultado é a crise.

29/4/13

O desastre económico actual era predicible

Vicenç Navarro, 26 de abril de 2013

Este artigo sinala que a crise tan profunda da economía española, co desemprego maior que existise ata agora, era doadamente predicible, como alertamos algúns autores xa dende o inicio da crise. As políticas neoliberais con recortes do gasto público, incluíndo o social, e diminución dos salarios, están a crear un problema enorme de falta de demanda doméstica, que non pode resolverse a base de maior endebedamento, resultado da carencia de crédito, este último consecuencia, á súa vez, da enorme concentración das rendas de capital e o seu excesivo crecemento a base de investimentos especulativos.

Uns poucos estivemos a dicir dende que se iniciou a crise que as políticas públicas que se están a aplicar durante estes anos de recesión son profundamente erróneas e están a levar aos países da Unión Europea (e moi en especial aos países da periferia da Eurozona) ao desastre. Como era predicible, os feitos que están a acontecer, co maior incremento do desemprego coñecido ata agora, están a mostrar que, por desgracia, levabamos razón.

En realidade, o problema co que nos enfrontamos é doado de entender e de resolver. Hoxe o sector privado da economía está paralizado ou en declive debido á falta de demanda e á escaseza de crédito para que as empresas e as familias poidan investir e/ou consumir. A evidencia diso é clara, robusta e abafadora. Ante esta situación, o único sector que pode estimular e facer crecer de novo á economía é o sector público. Así se saíu da Gran Depresión a principios do século XX en EUA e en Europa. En EUA, a Administración Roosevelt aumentou o investimento e o gasto público dun xeito moi notable, acentuándose mesmo máis co inicio e posterior desenvolvemento da II Guerra Mundial. En Europa foi este mesmo conflito o que creou un grande aumento do gasto e investimento públicos, que resolveu o problema da Gran Depresión.

23/4/13

Por que a xente non reacciona? A indefensión inducida

A Indefensión Aprendida, adquirida ou inducida, termo acuñado polo profesor Martin Seligman, é unha condición psicolóxica na que un suxeito aprende a crer que está indefenso, que non ten ningún control sobre a situación na que se encontra e que calquera cousa que faga é inútil.

Os efectos da indefensión serán maiores se un tende a pensar que a non continxencia é debida a factores estables ou de carácter global, mentres que os efectos serán menores ou transitorios se un tende a atribuír o fenómeno a factores inestables ou de carácter máis específico. Ou sexa, se lle atribuímos á crise global a culpa da nosa situación e se alleamos de nós a posibilidade de elección da resposta, quedamos indefensos ante os poderes fácticos, aos cales nos renderemos sen exercer ningunha resposta. Iso explicaría, por exemplo, o por que os prisioneiros dos campos de concentración non se rebelaron contra os nazis.

Moitos de nós vemos con claridade quen son os responsables directos da crise e somos capaces de sinalalos e actuar contra eles. Preguntámonos por que tanta xente se resigna, aínda, nas súas casas, en lugar de saír a encher as rúas. Porque, certamente, non deixamos de escoitar as mesmas frases, as mesmas mensaxes, que se repiten como mantras sen sentido: vivimos por enriba das nosas posibilidades, non podemos facer nada, eles sempre gañan, todo está perdido, que podemos facer nós sós contra o sistema? Frases que reflicten un incomprensible conformismo. Pero, que se o analizamos dende o prisma de que estamos baixo unha hipnose colectiva, baixo a indefensión inducida, cobra máis sentido.

A indefensión provoca unha actitude pasiva da que se aproveita o Sistema, para dominar calquera impulso de reacción que a Cidadanía puidese ter fronte a unha xestión abusiva dende o Poder.